Que é

Fundación Kærtor

A Fundación Kærtor é unha fundación privada sen ánimo de lucro, inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Gallego da Xunta de Galicia, baixo o protectorado da Consellería de Economía e Industria.

O seu obxectivo é achegar coñecemento experto en descubrimento de fármacos que contribúa a transformar, orientar e acelerar proxectos de investigación cara a novas terapias para necesidades médicas non cubertas. Ademais, serve de instrumento para conectar a investigación básica en descubrimento de fármacos coa industria farmacéutica nun marco de innovación aberta.

A Fundación xorde das conclusións alcanzadas despois de dous anos de traballo intenso cun comité de expertos internacionais en innovación aberta, descubrimento de fármacos e modelos financeiros.

É un modelo sen precedentes no contexto da innovación aberta e do co-desenvolvemento público-privado no descubrimento de fármacos, creado para xestionar o know-how e os resultados logrados no proxecto Innopharma e facilitar a transferencia recíproca de coñecementos no descubrimento de fármacos.

O noso logo

Os afiadores galegos percorrían o mundo buscando traballo, afiando ferramentas, arranxando paraugas e utensilios de cociña. Seguindo a súa roda chegaron moi lonxe. Por iso, eliximos a roda do afiador como símbolo da Fundación Kærtor; a roda é, ademais o símbolo dos avances tecnolóxicos.

Os raios da roda tamén simbolizan para nós a luz dos faros das costas galegas.

A nosa misión

A nosa misión é xerar, xestionar, executar e promover programas de descubrimento de medicamentos e a economía social e produtiva deste sector en Galicia.

As súas actividades están dirixidas á transferencia recíproca de resultados de investigación no contexto actual da innovación aberta no descubrimento de fármacos.

Os patróns da Fundación combinan a experiencia, o coñecemento e o prestixio nos seus respectivos ámbitos.